NOVA: As empresas poderán comunicar desde o día 6 de febreiro ante a Xunta o cambio de ERTE sen necesidade de tramitar un novo expediente
Simplifícase a tramitación dos cambios entre modalidades de Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) promovidos polos empresarios para adaptarse ás medidas sanitarias decretadas en cada momento.
O novo procedemento ponse a dispor dos interesados por medio da Sede Electrónica da Xunta. As empresas poderán trasladar á Xunta o cambio na situación dos seus traballadores sen necesidade de iniciar un novo expediente, o que permitirá á Autoridade Laboral galega tramitar con maior axilidade as súas peticións para dar traslado das mesmas ao Goberno do Estado, para que as execute e proceda aos pagos das prestacións.
Mediante este mecanismo basta con que os empresarios aporten a data de efecto do cambio, os centros e persoas afectadas e xustifiquen que as novas circunstancias son de coñecemento dos representantes das traballadoras e traballadores.
A empresa deberá aplicar as porcentaxes de exoneración das cotas da Seguridad Social correspondentes, en función do tipo de ERTE vixente en cada momento, mediante a presentación da declaración responsable ante a Tesorería General de la Seguridad Social. A Xunta trasladará dita comunicación á Inspección de Trabajo y Seguridad Social, para que desenvolva as accións de control que considere.